
O Concello da Baña vén de rematar as obras de mellora do tramo viario entre A Castiñeira e Guende, na parroquia da Baña, unha actuación que permitiu renovar o acceso a Guende e completar o aglomerado en quente de todo o tramo.
Os traballos, iniciados o pasado mes de xullo e executados pola empresa Yoni Tuñas, contaron cun orzamento de 47.123,93 euros, financiado integramente con fondos propios municipais.
A intervención permitiu mellorar as condicións de circulación e a seguridade viaria nunha vía de acceso de especial importancia para a veciñanza da zona, completando así a renovación do firme no tramo previsto.
Esta actuación enmárcase no Plan municipal de obras que xestiona o concelleiro de Obras, Urbanismo e Medio Rural, Jesús Manuel Pena Varela, desde o que se están coordinando e executando diferentes intervencións destinadas á mellora da rede viaria e das infraestruturas municipais.
O Concello da Baña continúa deste xeito avanzando no mantemento e mellora da rede viaria municipal, con actuacións planificadas en diferentes puntos do territorio para dar resposta ás necesidades da veciñanza e mellorar as comunicacións entre os distintos núcleos do municipio.


