
Buño | Malpica
Máis vale tarde que nunca. Despois da información publicada en xuño por Faro da Costa, na que veciños e veciñas de Buño solicitaban explicacións sobre o investimento previsto para a rehabilitación do parque infantil da localidade, as obras xa están rematadas.
A actuación, denominada “Rehabilitación do parque infantil de Buño”, estaba incluída entre os investimentos realizados no municipio e financiados a través do Plan Único 2025 da Deputación da Coruña. Na documentación difundida figuraba un orzamento de 30.051,75 euros.
Segundo informa agora o Concello de Malpica, os traballos xa concluíron e foron executados pola empresa Suministro Integral del Agua, S.L., cun investimento total de 29.961 euros.
A intervención tivo como finalidade a mellora e posta a punto do parque infantil, un espazo de lecer especialmente utilizado polas familias da parroquia. Co remate dos traballos, o recinto queda preparado para que as nenas e os nenos poidan desfrutalo en mellores condicións.
Desde o Concello sinalan que esta actuación forma parte do compromiso coa conservación e mellora dos espazos públicos destinados ás familias e á infancia, apostando por contornas máis coidadas, seguras e axeitadas para o desfrute da veciñanza.
Así, o investimento que xerara preguntas entre os veciños nos últimos meses queda finalmente materializado nunha actuación que xa está executada e que permite recuperar e mellorar un dos espazos de lecer infantil de Buño.
Unha obra anunciada, cuestionada e finalmente rematada.


