
A Casa da Cultura acolle este novo servizo, que ofrece orientación e oportunidades de formación universitaria á veciñanza de Vimianzo e da Costa da Morte
Vimianzo, 8 de outubro de 2026. – Vimianzo presentou oficialmente este xoves a súa nova Aula da UNED, nunha xornada de portas abertas na que a veciñanza puido coñecer de primeira man as posibilidades de formación universitaria que ofrece a Universidade Nacional de Educación a Distancia desde o propio territorio.
O acto contou coa participación da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez; da directora do Centro Asociado da UNED na Coruña, Ana Mónica Novo García; e da secretaria do Centro e secretaria académica, Emma Miranda Varela.
Ao longo da xornada presentáronse os principais recursos e servizos que a UNED pon á disposición do alumnado, entre eles a súa oferta académica, o proceso de matrícula, as titorías, o campus virtual, os servizos de atención ao estudantado e as diferentes modalidades para realizar e seguir os estudos universitarios.
Durante a súa intervención, a alcaldesa destacou que a chegada da UNED a Vimianzo representa moito máis ca a apertura dun novo espazo educativo. “Estamos falando de achegar oportunidades”, sinalou Rodríguez Ordóñez, facendo especial fincapé nas posibilidades que esta iniciativa pode supoñer para as persoas que viven no rural.
A rexedora reivindicou tamén a importancia de garantir o acceso á formación con independencia do lugar de residencia e afirmou que “vivir nun territorio rural non pode significar ter menos oportunidades”. Neste sentido, salientou o valor de contar cunha presenza universitaria estable na Costa da Morte, facilitando o acceso á información, á orientación e ás posibilidades de formación superior sen necesidade de desprazarse fóra da comarca para realizar as primeiras xestións e coñecer a oferta dispoñible.
Atención na Casa da Cultura
A Aula da UNED de Vimianzo, situada na Casa da Cultura, nace como un punto de información e orientación para as persoas interesadas na oferta educativa da universidade.
O novo servizo ofrecerá atención á cidadanía en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas, co obxectivo de facilitar información sobre os estudos dispoñibles, os procesos de matrícula e os recursos que a UNED ofrece ao seu alumnado.
Con esta nova aula, Vimianzo reforza a súa aposta por achegar os servizos educativos e as oportunidades de formación á poboación da Costa da Morte, favorecendo o acceso aos estudos universitarios desde o propio territorio.
