
A situación económica de varios concellos da Costa da Morte acende as alarmas tras a publicación do último informe do Consello de Contas de Galicia. Entre eles destacan especialmente Santa Comba e Malpica de Bergantiños, gobernados respectivamente polo socialista Alberto Romar e o popular Eduardo Veiga, que presentan algúns dos indicadores máis negativos da comarca.
No caso de Santa Comba, os datos son especialmente preocupantes. Tres anos despois da chegada do PSOE ao goberno municipal, e malia os antecedentes de intervención por parte de Facenda, o concello do Xallas atópase nunha situación límite. O informe correspondente ao exercicio 2024, asinado o 22 de abril de 2026 polo conselleiro maior Juan Carlos Aladró Fernández, describe un escenario marcado polo forte endebedamento e a falta de liquidez.
Un déficit que se dispara máis dun 500%
O documento sinala que Santa Comba recorreu de maneira continuada á débeda para facer fronte aos seus gastos correntes. O déficit non financeiro pasou de 153.981,91 euros en 2023 a 945.471,52 euros en 2024, o que supón un incremento do 514,01%.
Esta evolución sitúa ao municipio entre os tres concellos do seu tamaño (entre 5.001 e 10.000 habitantes) con maior necesidade de financiamento en Galicia, só superado por A Cañiza e Silleda.
Remanente negativo e “nula solvencia”
A situación de tesourería é outro dos puntos críticos. Santa Comba presenta un remanente negativo de -1.219.126,46 euros, moi lonxe dos -26.082,07 euros rexistrados ao peche de 2022.
O Consello de Contas de Galicia cualifica a capacidade de pago do concello como “altamente negativa”, chegando a falar directamente de “nula solvencia e liquidez”. Ademais, detectáronse obrigas vencidas non contabilizadas no orzamento, o que empeora aínda máis a situación real.
Viabilidade en risco
O informe inclúe a Santa Comba no grupo de concellos galegos cuxa viabilidade financeira está seriamente comprometida, xunto a Mugardos, Ponte Caldelas, Valdoviño e Valga. Segundo o órgano fiscalizador, os ingresos correntes non son suficientes para cubrir nin os gastos ordinarios nin a amortización da débeda acumulada.
A advertencia é clara: o municipio podería non ser capaz de facer fronte ás súas obrigas a curto prazo ao final do exercicio.
Incumprimentos e falta de control
A este escenario súmase o incumprimento dos prazos de rendición de contas. Santa Comba non presentou a documentación en tempo, formando parte do 29,62% das entidades do seu rango que non cumpriron coa súa obriga antes do 5 de marzo de 2026.
Malpica, tamén entre os peores rexistros
Aínda que o informe pon o foco especialmente en Santa Comba, Malpica de Bergantiños tamén aparece entre os concellos con peores indicadores económicos da Costa da Morte, evidenciando que os problemas de xestión e equilibrio orzamentario afectan a diferentes administracións locais da comarca, con gobernos de distinto signo político.
Unha comarca baixo presión financeira
Os datos debuxan un panorama complexo na Costa da Morte, onde varios concellos deberán adoptar medidas urxentes de control do gasto, mellora da recadación e planificación financeira se queren evitar un agravamento da súa situación económica nos vindeiros anos.