Santa Comba pide reducir ao mínimo o consumo de auga ante a situación crítica provocada pola seca

O Concello volve recorrer a unha empresa contratada para realizar achegas aos depósitos municipais e advirte da posible aparición de novos cortes na subministración.

A situación provocada pola seca continúa a complicar o abastecemento de auga en Santa Comba. Ante o descenso das reservas, o Concello viuse obrigado novamente a realizar achegas de auga aos depósitos municipais mediante unha empresa contratada.

Desde o consistorio sinalan que a situación é crítica este martes e advirten da posibilidade de que se produzan novos cortes na subministración se non se reduce o consumo.

Por este motivo, o Concello fai un chamamento á veciñanza para que limite o consumo de auga ao mínimo imprescindible e empregue a auga da traída exclusivamente para actividades esenciais.

Así mesmo, queda prohibido o uso da auga para regar, lavar beirarrúas, realizar baldeos ou para calquera outra actividade que non sexa considerada esencial.

O Concello solicita a colaboración da cidadanía para contribuír a preservar as reservas dispoñibles e evitar, na medida do posible, novas interrupcións no abastecemento.