
A veciñanza entrega este martes a Iniciativa Popular Local para reclamar que se impida a instalación de plantas de biogás en solo rústico
STOP BIOGÁS LARACHA dá un novo paso na súa oposición ao proxecto de planta de biogás coa presentación da Iniciativa Popular Local, respaldada por máis de 2.000 sinaturas de veciños e veciñas de A Laracha.
A entrega terá lugar este martes 4 de agosto, ás 11:00 horas, no Edificio Administrativo de A Laracha, situado na avenida de Fisterra, 60, xunto á Policía Local.
A iniciativa reclama ao Concello a convocatoria dun pleno extraordinario para iniciar os trámites e estudos necesarios para modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co obxectivo de prohibir a instalación de plantas industriais de xestión de residuos para a produción de biogás e similares en solo rústico, especialmente cando poidan afectar a núcleos de poboación e ao patrimonio.
Tamén se solicita a suspensión cautelar inmediata do outorgamento de licenzas para este tipo de instalacións mentres se desenvolve a tramitación da modificación do PXOM.
Desde STOP BIOGÁS LARACHA lembran que a mobilización veciñal se vén manifestando desde hai meses a través de diferentes iniciativas: manifestacións, concentracións, cadeas humanas e recollidas de sinaturas.
No pasado mes de maio, preto de 7.000 sinaturas foron presentadas no Rexistro da Xunta de Galicia en apoio dunha alegación colectiva. Agora, son máis de 2.000 as persoas do municipio de A Laracha que asinaron esta Iniciativa Popular Local, trasladando ao Concello a súa vontade de modificar as normas urbanísticas municipais.
As persoas promotoras agradecen o apoio de todas as persoas que participaron na recollida de sinaturas e fan un chamamento á veciñanza para que acompañe a entrega da iniciativa este martes ás 11:00 horas.
STOP BIOGÁS LARACHA continúa así coa mobilización para defender o territorio, os núcleos de poboación e a proximidade das vivendas fronte á instalación deste tipo de industrias.