UCIN Galicia acusa a Rueda de “vivir alleo ás emerxencias” pola crise do helicóptero medicalizado

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2026. A formación política UCIN Galicia endureceu este luns as súas críticas contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras coñecerse que o helicóptero medicalizado con base en Santiago leva 18 días fóra de servizo sen substitución, malia que a empresa concesionaria tiña a obriga contractual de garantir un aparato alternativo.

O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, denunciou que a situación “non é un feito puntual nin unha sorpresa”, senón “a consecuencia directa de meses de advertencias ignoradas pola Xunta de Galicia”.

“Levamos meses denunciando públicamente a irresponsabilidade coa que se está xestionando o servizo de helicópteros medicalizados en Galicia. Avisamos unha e outra vez da falta de garantías, dos incumprimentos da concesionaria e do risco real que isto supón para a cidadanía. A resposta da Xunta foi o silencio absoluto”, afirmou Calo.

Desde a formación consideran “gravísimo” que o presidente galego asegurase descoñecer que o helicóptero compostelán permanece inoperativo desde o pasado 30 de abril.

“Ou ben o presidente vive completamente desconectado da realidade sanitaria de Galicia ou ben intenta minimizar un escándalo que xa é insostible. En ambos casos, a situación é inaceptable”, asegurou o responsable político.

UCIN Galicia insiste en que a empresa concesionaria incumpriu as súas obrigas ao non habilitar un helicóptero substituto durante este período. Segundo a formación, esta situación evidencia “un sistema que leva demasiado tempo funcionando con precariedade, improvisación e falta de control político”.

Como exemplo das consecuencias desta falta de medios, a formación lembrou o recente operativo no accidente mortal dun menor nun centro de menores de Fisterra, no que tivo que intervir o helicóptero con base en Ourense debido á ausencia do aparato de Santiago.

“Cada vez que un helicóptero non está operativo, Galicia perde capacidade de resposta ante accidentes graves, infartos, ictus ou rescates. Isto tradúcese en máis tempo de espera e máis risco para os pacientes”, advertiu José Luis Calo.

UCIN Galicia tamén cargou contra a “pasividade intolerable” do Goberno autonómico, acusando á Xunta de “agochar o problema baixo a alfombra” durante meses.

“Mentres UCIN leva meses alertando desta situación, a Xunta preferiu mirar cara outro lado. Agora descubrimos que nin sequera o presidente estaba ao tanto. Isto é un síntoma evidente dun Goberno superado e desconectado das necesidades reais dos galegos”, sostivo o coordinador.

A formación reclama agora responsabilidades políticas inmediatas, a apertura dun expediente sancionador á concesionaria e a realización dunha auditoría urxente sobre o funcionamento do servizo aéreo sanitario galego.

Ademais, UCIN Galicia defende a implantación de helipuertos hospitalarios H24 seguros e plenamente operativos en toda Galicia para garantir unha atención aérea sanitaria continua e eficaz.

“Non se pode gobernar Galicia desde a propaganda mentres fallan servizos dos que depende a vida das persoas. O ocorrido co helicóptero de Santiago é unha auténtica vergoña institucional”, concluíu José Luis Calo.