
Un home resultou ferido este xoves no concello de Cee tras envorcar o tractor que estaba a manexar mentres realizaba traballos nunha finca situada na zona de Gures, na parroquia da Ameixenda.
Segundo informou o servizo de emerxencias, foi un particular quen deu aviso ao 112 Galicia arredor das 17:30 horas, indicando que un tractor acabara envorcado nun terraplén e que o seu condutor quedara atrapado baixo o vehículo agrícola. No aviso tamén se advertía de que a persoa non respondía e de que podía haber unha posible fuga de combustible.
Ata o lugar desprazáronse os efectivos do 112 Galicia, así como o 061 Galicia, os Bombeiros de Cee, a Guardia Civil e membros de Protección Civil da localidade.
Á chegada dos equipos de emerxencia, confirmouse que non foi preciso empregar material de excarceración, xa que o ferido xa estaba a ser atendido polo persoal sanitario. O helicóptero do 061 chegou a mobilizarse, aínda que finalmente o traslado realizouse en ambulancia tras estabilizarse o paciente.
O home foi evacuado ao Hospital Virxe da Xunqueira, onde recibiu atención médica.
Posteriormente, os Bombeiros revisaron o tractor accidentado e comprobaron que non existía perigo adicional. Tamén se confirmou que non houbo vertedura de combustible e que a retirada do vehículo quedou en mans dos seus propietarios, coa axuda doutros medios mecánicos.