
Unha muller resultou ferida este venres ao ser arrastrada polo seu propio vehículo cando trataba de accionar o freo de man, nas proximidades da Escola Infantil de Tállara, no municipio de Lousame.
O suceso produciuse arredor da unha do mediodía. Segundo informou o 112 Galicia, a condutora baixara do turismo para recoller un alumno e deixara o vehículo sen poñer o freo de man. Ao decatarse da situación e intentar accionalo, foi arrastrada polo coche, que acabou saíndo da vía e precipitando por un desnivel duns tres metros.
A muller quedou accesible tras a caída, aínda que presentaba lesións que poderían ser compatibles con algunha fractura. Ante esta situación, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitou a intervención dos servizos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Tamén foi mobilizado o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Noia para colaborar no operativo, aínda que finalmente non foi necesario realizar un rescate, ao atoparse a condutora totalmente accesible.
Ata o lugar desprazáronse tamén axentes da Garda Civil de Tráfico, alertados polo 112 Galicia, para colaborar nas actuacións derivadas do accidente.
A valoración médica deberá determinar agora o alcance das lesións sufridas pola condutora.
