Vandalismo en Arteixo: patean polo menos seis retrovisores na rúa Platas Varela

Polo menos seis vehículos sufriron danos esta pasada noite na rúa Platas Varela, á altura do número 130, en Arteixo, despois de que unha ou varias persoas, segundo os primeiros indicios, pateasen os seus retrovisores.

Os feitos producíronse ao longo de poucos metros, deixando varios vehículos afectados e causando danos materiais aos seus propietarios.

Segundo informan os afectados, a Garda Civil xa foi avisada dos feitos e está previsto que mañá se presente a correspondente denuncia para deixar constancia dos danos ocasionados.

Os propietarios solicitan a colaboración da veciñanza. Se alguén presenciou os feitos ou dispón dalgunha información que poida axudar a identificar os responsables, agradécese que o comunique ás autoridades.

Os afectados esperan que se poida esclarecer o sucedido e identificar ás persoas responsables destes actos vandálicos.