Localizado falecido no mar un sexaxenario desaparecido na zona do Faro de Mera

Un home duns sesenta anos foi localizado este luns sen vida no mar, despois de que se activase un dispositivo de busca tras comunicarse a súa desaparición na zona do Faro de Mera, en Serantes, no concello de Oleiros.

O 112 Galicia tivo coñecemento da desaparición arredor de dez minutos despois da medianoite, tras recibir o aviso dun particular, que alertaba de que o home saíra cara á zona do Faro de Mera e non regresara.

De inmediato, os xestores do 112 Galicia mobilizaron os medios de emerxencia e comunicaron a situación a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, á Garda Civil, á Policía Local e aos servizos de Emerxencias de Oleiros.

O dispositivo de procura mantívose durante a xornada de onte, aínda que rematou sen resultados positivos. Esta mañá, os labores de busca retomáronse e Salvamento Marítimo informou finalmente da localización do home, que foi atopado flotando no mar e xa falecido.

As circunstancias nas que se produciu o falecemento están pendentes de esclarecer.