
Unha veciña da Laracha quixo compartir publicamente a súa experiencia cos servizos sociais do concello despois de atravesar unha situación económica complicada debido á avaría do termo da súa vivenda.
Segundo relata, tras 23 anos vivindo no municipio e sen pedir nunca ningún tipo de axuda pública, decidiu acudir aos servizos sociais ao non poder afrontar determinados gastos. Para iso, entregou toda a documentación que lle solicitaron, a cal define como “bastante específica e extensa”. Porén, a súa solicitude foi finalmente denegada.
A afectada asegura que, ao preguntar polo motivo da negativa, a resposta que recibiu foi que “os gastos provocáraos ela mesma”, algo que lle causou unha grande sorpresa e indignación.
A veciña tamén manifesta o seu malestar ao comparar o seu caso co doutras persoas recentemente chegadas do estranxeiro que, segundo afirma, recibiron diferentes axudas económicas, entre elas tarxetas de compra para supermercados e prestacións como o Ingreso Mínimo Vital.
“Agora cambiou un pouco a miña maneira de pensar sobre os documentos que nos piden aos de aquí e os que lles piden aos estranxeiros”, comenta.
A muller aclara que non busca que ninguén lle diga nada nin crear polémica, senón simplemente contar a súa experiencia persoal para que a xente coñeza o que lle ocorreu en primeira persoa.