
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e a concelleira de Turismo, Beatriz Pazos, asistiron esta mañá no Fórum de Carballo á presentación de Costa da Morte Runner, un novo videoxogo promovido pola Asociación Profesional do Turismo da Costa da Morte (APTCM) e desenvolvido polo vimiancés Martín Caamaño.
A iniciativa nace co obxectivo de divulgar e poñer en valor os recursos patrimoniais, culturais e paisaxísticos da Costa da Morte a través dunha proposta innovadora e interactiva. O videoxogo permite ás persoas usuarias percorrer virtualmente os 17 concellos da comarca mentres descobren monumentos, espazos naturais, lendas, tradicións e outros elementos que conforman a identidade do territorio.
O desenvolvemento da aplicación foi realizado de maneira totalmente altruísta por Martín Caamaño, informático de profesión e creador da marca Costa da Morte Death Coast, quen puxo o seu coñecemento ao servizo dun proxecto pensado para achegar a riqueza da comarca a públicos de todas as idades mediante unha experiencia lúdica.
A presenza da representación municipal de Vimianzo na presentación pon de manifesto o apoio do Concello a iniciativas que apostan pola innovación como ferramenta de promoción turística e de difusión do patrimonio local, contribuíndo a dar visibilidade ao conxunto da Costa da Morte desde unha perspectiva moderna e atractiva.

