
Carballo.– Veciños das parroquias de Baldaio, Rebordelos, Sambade e Razo manifestaron o seu malestar polo estado de abandono que presentan os arcenes da estrada provincial DP-1916 e tamén da vía que comunica Rebordelos con Razo.
Segundo denuncian os residentes da zona, a falta de mantemento provocou un importante crecemento da maleza nos bordos das estradas, chegando nalgúns puntos a invadir parte da calzada. Esta situación dificulta a circulación, reduce a visibilidade e supón un risco tanto para os condutores como para os peóns.
Os afectados aseguran ademais que a vexetación sobresae cara á vía, rozando e chegando a raiar os vehículos que transitan habitualmente por estes tramos. «Hai lugares nos que a maleza ocupa unha parte considerable da estrada, obrigando aos condutores a extremar as precaucións», sinalan algúns veciños.
Ante esta situación, os residentes fan un chamamento ao Concello de Carballo para que adopte medidas urxentes e proceda á limpeza dos arcenes e ao desbroce das marxes das estradas afectadas. Consideran que o mantemento periódico destas vías é fundamental para garantir a seguridade viaria e mellorar as condicións de circulación.
Os veciños agardan que as administracións competentes actúen canto antes para resolver un problema que, segundo afirman, se vén agravando co paso dos meses e que afecta diariamente a centos de usuarios destas estradas da costa carballesa.