
Os veciños de Meicende volven denunciar os fortes cheiros que desprenden algúns contedores situados na estrada xeral, especialmente os que se atopan fronte á Parrillada Fuentes. Segundo explican varios residentes, na tarde de onte realizáronse tarefas de limpeza nestes recipientes, pero o resultado foi practicamente imperceptible.
«Non entendemos con que os limpan. Parece que lles botan só auga, porque ao día seguinte seguen cheirando igual de mal», comenta unha veciña da zona. Os residentes aseguran que o fedor é especialmente intenso ao achegarse aos contedores e consideran que a situación resulta insoportable para as persoas que viven nas inmediacións.
Os afectados reclaman ao Concello de Arteixo unha limpeza máis profunda e eficaz, así como un maior mantemento das infraestruturas e servizos públicos do barrio. Ademais, denuncian que Meicende leva anos sufrindo unha falta de atención por parte da administración local.
«É horrible pasar por alí e non queremos nin imaxinar o que teñen que soportar os veciños que viven ao lado dos contedores todos os días», sinalan.
Os residentes piden solucións urxentes para acabar cun problema que consideran recorrente e que afecta directamente á calidade de vida do barrio.