Veciños de Muros denuncian o mal estado das rúas polas numerosas fochancas

Os veciños de Muros volven amosar o seu malestar polo estado de conservación de varias rúas do municipio, onde aseguran que as fochancas dificultan a circulación e supoñen un risco tanto para vehículos como para peóns.

Un dos puntos máis criticados é a subida a Sistamares, onde os residentes afirman que o firme presenta un deterioro cada vez maior. As queixas levan tempo repetíndose e reclaman unha actuación urxente por parte do Concello para reparar a vía e garantir a seguridade.

Con certo ton de ironía, algúns veciños comentan que «dentro de pouco teremos que chamar o helicóptero da Xunta para poder chegar á casa», unha expresión coa que pretenden poñer de manifesto o estado no que se atopa a estrada e a sensación de abandono que perciben.

Os afectados solicitan que se inclúa a reparación destas rúas entre as actuacións prioritarias de mantemento, co obxectivo de evitar que o problema continúe agravándose e de mellorar a mobilidade no municipio.