
Os populares censuran as malas formas do alcalde, a falta de consideración cos representantes da oposición e os problemas de mobilidade provocados pola organización municipal.
O Partido Popular de Negreira denuncia o que considera unha actitude de soberbia e falta de respecto por parte do Goberno municipal, ao que acusa de actuar con malas formas e escasa consideración tanto cos membros da oposición como coa veciñanza.
Desde o PP consideran especialmente desafortunadas as críticas realizadas polo alcalde aos concelleiros da oposición pola súa ausencia nalgúns plenos, argumentando que non poden asistir porque teñen que atender as súas responsabilidades laborais. Unha explicación que, segundo os populares, debería ser comprendida e respectada por quen exerce unha responsabilidade de goberno.
Neste sentido, cuestionan tamén a decisión de convocar un pleno extraordinario nun horario pouco accesible para moitos representantes municipais, unha elección que, segundo se manifestou na propia sesión plenaria, respondía á conveniencia horaria dun dos concelleiros do Goberno, sen ter en conta as circunstancias laborais dos demais.
«Non todos podemos deixar o noso traballo para acudir a un pleno. Nós tamén temos obrigas e vivimos do noso esforzo laboral», sinalan desde o PP, que reclama respecto e consideración cara aos representantes públicos que compatibilizan a súa actividade política coa súa profesión.
Os populares tamén poñen o foco nas follas de ruta e na organización dos traballos municipais, que, ao seu xuízo, están a provocar problemas e molestias para peóns e condutores. Denuncian situacións nas que os vehículos quedan obstaculizados ou os seus usuarios atopan dificultades para acceder e saír deles con normalidade.
A esta situación engádese, segundo denuncian, a acumulación de convocatorias plenarias, con tres plenos en semanas consecutivas, entre sesións extraordinarias e ordinarias, o que dificulta notablemente a conciliación coa actividade profesional dos concelleiros da oposición.
Desde o PP de Negreira lembran que, do mesmo xeito que o Goberno municipal esixe que se respecten os seus prazos e procedementos, tamén debe entender que os demais teñen responsabilidades laborais que non poden deixar de lado.
«Se os seus prazos teñen que ser respectados, os nosos tamén. Non somos todos iguais de trapalleiros, señor alcalde. Non o somos», conclúen os populares, que reclaman ao Goberno municipal máis respecto institucional, diálogo e consideración tanto coa oposición como coa cidadanía.

