


O Concello de Vimianzo vén de sacar a licitación tres novas actuacións destinadas a mellorar as estradas, os accesos e as infraestruturas de diferentes núcleos rurais do municipio, cun investimento conxunto de 509.370,98 euros.
As obras estarán financiadas a través do Plan de Obras e Servizos (POS+) 2026 da Deputación da Coruña e desenvolveranse en tres puntos do territorio municipal.
As actuacións previstas son as seguintes:
– Mouzo (Carnés): investimento de 233.424,20 euros.
– Padreiro de Arriba (Baíñas): investimento de 146.446,78 euros.
– Bribes (Vimianzo): investimento de 129.500 euros, correspondente á terceira fase das melloras previstas neste núcleo.
O prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas remata o vindeiro 16 de novembro ás 23:59 horas.
Desde o Goberno municipal agardan poder avanzar nas adxudicacións durante as próximas semanas, co obxectivo de que os traballos poidan comezar o antes posible.
Estas tres intervencións enmárcanse na aposta municipal pola mellora das infraestruturas rurais nun concello que conta con 14 parroquias e 133 núcleos de poboación.
O executivo local recoñece que aínda quedan numerosas necesidades por atender, pero defende a importancia de continuar investindo no rural e de garantir unhas condicións adecuadas de acceso e servizos para a veciñanza, independentemente do lugar no que resida.
Con estas novas licitacións, Vimianzo suma tres actuacións máis ao programa de mellora das infraestruturas municipais, cun investimento que supera o medio millón de euros.
