
O Concello instala bolardos de protección no acceso ao Campo Municipal Irmandiño e inicia a limpeza das marquesiñas das 14 parroquias.
O Concello de Vimianzo continúa desenvolvendo actuacións de mellora e mantemento dos espazos públicos co obxectivo de garantir unha contorna máis segura, accesible e coidada para toda a veciñanza.
Por unha banda, o goberno municipal instalou novos bolardos de protección na senda peonil de acceso ao Campo Municipal Irmandiño. Esta intervención pretende delimitar claramente o espazo reservado aos peóns e evitar posibles situacións de risco derivadas da circulación de vehículos nesta zona.
A actuación busca reforzar especialmente a protección dos nenos e nenas, das familias e de todas as persoas que utilizan habitualmente este acceso ás instalacións deportivas. Desde o Concello lembran a importancia de respectar os espazos destinados aos peóns e destacan que a seguridade viaria tamén se constrúe mediante pequenas intervencións que contribúen a mellorar a convivencia entre vehículos e persoas.
Limpeza e acondicionamento das marquesiñas
Paralelamente, o Concello iniciou, con persoal municipal, os traballos de limpeza e lavado das marquesiñas do transporte público, así como dos seus arredores, nas distintas parroquias do municipio.
Esta campaña de mantemento pretende mellorar as condicións de conservación, hixiene e imaxe destas instalacións, fundamentais para as persoas que utilizan diariamente o transporte público.
Os traballos desenvolveranse progresivamente durante os próximos días ata completar a limpeza e o acondicionamento de todas as marquesiñas das 14 parroquias de Vimianzo.
Con estas intervencións, o Concello reafirma o seu compromiso coa conservación dos equipamentos municipais e coa mellora dos servizos e espazos comúns en todo o territorio.
Deste xeito, Vimianzo continúa avanzando cunha política de pequenas actuacións que, no seu conxunto, contribúen a construír un municipio máis seguro, accesible e agradable para vivir. Porque coidar os espazos públicos e atender as necesidades cotiás da veciñanza tamén é facer municipio.



