Xabi e Nicolás viven a súa primeira experiencia profesional no mar a bordo do Vilan Uno

O proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» achega a mocidade galega ás profesións marítimo-pesqueiras e promove novas oportunidades laborais no sector.

O proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» continúa sumando experiencias coa participación de mozos interesados en coñecer de primeira man as profesións do sector marítimo-pesqueiro. Nesta ocasión, a iniciativa chegou ao territorio do GALP Costa da Morte para acompañar a Xabi e Nicolás na súa primeira experiencia de embarque profesional.

A xornada comezou ás 6.00 horas no porto de Camariñas, onde os dous mozos embarcaron no Vilan Uno, acompañados polo patrón Tono e a súa tripulación. Durante a saída ao mar, puideron coñecer de preto o traballo diario da pesca extractiva e participar nas distintas tarefas da actividade pesqueira, incluída a captura de especies como nécoras, santiaguiños, camaróns e peixe.

De regreso a porto, arredor das 10.30 horas, Xabi e Nicolás colaboraron na clasificación das capturas, unha etapa fundamental para comprender o percorrido do produto pesqueiro desde o mar ata a lonxa.

A experiencia resultou moi positiva para os dous participantes, que gozaron da xornada, descubriron a realidade dunha profesión esencial para Galicia e comprobaron en primeira persoa como é o día a día a bordo dunha embarcación pesqueira.

A iniciativa forma parte do proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar», impulsado conxuntamente polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia. O seu obxectivo é espertar novas vocacións, dar visibilidade ás profesións marítimo-pesqueiras e fomentar a Formación Profesional Dual como unha vía de acceso ao emprego cualificado e con futuro para a mocidade galega.

Desde o proxecto agradecen á tripulación do Vilan Uno a súa colaboración e disposición para compartir os seus coñecementos e achegar a realidade do sector ás novas xeracións.

Esta experiencia exemplifica a importancia de promover o contacto directo entre a mocidade e os profesionais do mar, contribuíndo a garantir o relevo xeracional e a continuidade dun sector fundamental para a economía, a cultura e a identidade de Galicia.