A.C. Santa María de Torás impulsa dous grandes eventos culturais coa colaboración do Concello

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura, Patricia Bello, presentaron xunto a parte da directiva da A.C. Santa María de Torás os dous próximos eventos que a entidade organizará nas vindeiras semanas coa colaboración do Concello.

O primeiro deles celebrarase este domingo coa cuarta edición do Día da Muiñeira, unha cita que continúa medrando ano tras ano e que reunirá arredor de 200 participantes pertencentes a nove entidades culturais. A xornada converterase nun punto de encontro para a música e o baile tradicional galego, promovendo a convivencia e a difusión das nosas tradicións.

Ademais, durante a presentación tamén se anunciou a celebración dunha gran foliada o vindeiro 13 de xuño con motivo do XLIV aniversario da A.C. Santa María de Torás. O evento incluirá diferentes actuacións e actividades festivas para conmemorar os 44 anos de traxectoria da entidade cultural.

Desde a organización informaron de que os tíckets para participar na churrascada popular xa están á venda, animando á veciñanza e aos visitantes a sumarse a unha celebración que promete música, tradición e ambiente festivo.

O Concello destacou o importante labor que realiza a asociación na promoción da cultura popular galega e reiterou o seu apoio ás iniciativas que contribúen a manter vivas as tradicións do municipio.