O Castro de Montesclaros revela novos achados que reformulan a historia do xacemento

A sexta campaña de escavación arqueolóxica no Castro de Montesclaros concluíu o pasado venres con importantes descubrimentos que achegan nova información sobre a complexidade deste asentamento da Idade do Ferro. Os traballos, dirixidos pola arqueóloga Puri Soto, permitiron sacar á luz estruturas e elementos que poderían modificar a interpretación histórica do xacemento.

A principal sorpresa desta campaña foi a aparición dun segundo foxo defensivo situado na entrada leste do poboado. Este novo elemento defensivo reforza a idea da sofisticación arquitectónica dos castros galegos e da súa importancia estratéxica durante a Idade do Ferro.

Outro dos puntos destacados foi o avance nos traballos do gran camiño lastrado do castro, que presenta un bo estado de conservación. Segundo explicou Puri Soto, resulta especialmente significativo que o percorrido que parte da saída do poboado continúe coñecéndose hoxe en día co topónimo tradicional de “As Calzadas”, mantendo así viva a memoria histórica da zona.

Durante as tres semanas de intervención tamén apareceron novos indicios relacionados coa gran construción comunitaria onde se atopan dúas tumbas tardías. Os últimos achados apuntan á existencia dunha necrópole máis complexa do que se pensaba inicialmente, o que obrigará a reformular algunhas das interpretacións realizadas ata o momento sobre este espazo funerario.

Desde a organización lembran ademais que continúa aberto o prazo para participar na ruta guiada ao castro, programada para o sábado 30 de maio ás 11.00 horas. As persoas interesadas poden reservar praza chamando ao 676 963 062 ou escribindo ao correo turismo@alaracha.gal.