Francisco Martínez Traba reclama explicacións sobre unhas retribucións municipais que o alcalde non soubo xustificar no Pleno

Fisterra, 11 de xuño de 2026. O concelleiro Francisco Martínez Traba solicitou no último Pleno municipal explicacións ao Goberno local sobre as retribucións percibidas por unha praza de Auxiliar Administrativo do Concello de Fisterra, tras detectar na documentación municipal a existencia dunhas cantidades que considera necesario aclarar ante a veciñanza.

Segundo expuxo durante a sesión plenaria, a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello recolle para este posto unha praza de Auxiliar Administrativo de Administración Xeral, correspondente ao subgrupo C2 e nivel 16. Porén, os decretos municipais de aprobación de nóminas reflicten retribucións brutas mensuais superiores aos 3.800 euros e mesmo por riba dos 4.000 euros nalgúns meses.

Martínez Traba explicou que a relevancia da cuestión reside na diferenza existente entre as retribucións asociadas ao posto segundo a propia documentación municipal e as cantidades que aparecen reflectidas nas nóminas. Segundo sinalou, estas últimas sitúanse aproximadamente no dobre das correspondentes á categoría e nivel asignados na RPT.

Ante esta situación, o concelleiro formulou varias preguntas ao Goberno municipal para coñecer que conceptos retributivos concretos xustifican esas cantidades, que acordos ou resolucións amparan os pagamentos realizados e quen autorizou os mesmos.

O edil insistiu en que a súa iniciativa non cuestiona os dereitos laborais de ningún traballador municipal, senón que pretende esclarecer a fundamentación administrativa e legal dunhas retribucións que presentan unha diferenza significativa respecto das previstas para ese posto.

Durante o debate plenario, segundo indicou Martínez Traba, o alcalde non foi quen de ofrecer unha explicación completa sobre varios dos conceptos retributivos polos que se estaban aboando esas cantidades, chegando incluso a manifestar que descoñecía ou non lembraba algúns deles.

Para o concelleiro, esta circunstancia resulta especialmente preocupante ao tratarse dunha cuestión baseada exclusivamente en documentación oficial do propio Concello. Ao seu xuízo, as explicacións ofrecidas durante o Pleno non permitiron aclarar a situación e deixaron abertas novas dúbidas que, considera, deben ser resoltas polo Goberno municipal.

«O diñeiro público pertence aos veciños e veciñas de Fisterra e, por tanto, é perfectamente lexítimo preguntar cando existen situacións que requiren explicacións. Fiscalizar a acción de goberno non é un ataque persoal contra ninguén; é unha obriga inherente á función que desempeñamos os representantes públicos», afirmou Martínez Traba.

O concelleiro lembrou ademais que esta foi sempre a súa forma de actuar, tanto durante a súa etapa no Goberno municipal como agora desde a oposición.

«Preguntabamos cando formabamos parte do goberno e seguimos preguntando agora. O noso compromiso coa legalidade, coa honradez e coa transparencia non depende do lugar que ocupemos en cada momento», declarou.

Martínez Traba tamén considerou sorprendente que, tras non obterse unha explicación clara durante o Pleno, algunhas voces optasen por cuestionar a existencia da pregunta en lugar de reclamar respostas convincentes por parte do Executivo local.

«A transparencia non consiste en evitar preguntas incómodas. A transparencia consiste en responder con claridade cando se utilizan recursos públicos e cando existen diferenzas tan significativas entre as retribucións asociadas a un posto e as cantidades que efectivamente se están aboando», engadiu.

Finalmente, anunciou que continuará exercendo a súa labor de control e fiscalización sobre a xestión municipal sempre que existan cuestións que afecten á administración dos recursos públicos, ao considerar que a cidadanía ten dereito a coñecer como se xestiona cada euro das arcas municipais.