Belén do Campo destaca o apoio da Xunta de máis de 85.000€ para a mellora de camiños en 3 parroquias de Coristanco ao abeiro do Plan Camiña

Coristanco (A Coruña), 17 de xuño de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, visitou esta mañá unha das actuacións de mellora executadas no concello de Coristanco dentro Plan Camiña 2025-2026 que contempla obras nos viarios de tres parroquias da localidade grazas ao apoio económico impulsado polo Goberno galego para reforzar as infraestruturas viarias no rural e mellorar a accesibilidade e a seguridade nas comunicacións locais, concretamente nas parroquias de Ferreira, Agualada e Castro.

A representante do Executivo autonómico destacou que a Xunta concedeu ao Concello unha subvención de máis de 85.000 euros, para a rehabilitación de viarios nestas zonas de uso frecuente polos veciños e fundamentais para a mobilidade diaria e o acceso a explotacións e fincas da zona.

A achega repartiuse en dúas anualidades, cun importe de máis de 41.000 euros no exercicio 2025 e de preto de 44.000 euros no ano 2026, no marco desta liña de axudas coa que a Xunta busca contribuír á conservación e modernización da rede viaria municipal nos concellos galegos. Ao abeiro destas achegas, o ano pasado, na convovatoria 2024/2025 este Concello tamén recibiu máis de 96.000 euros que lle permitiron actuar en camiños das parroquias de Xaviña, San Xusto, San Paio e Oca.

Plan Camiña

A delegada territorial puxo en valor a importancia deste tipo de intervencións ao sinalar que “o Plan Camiña permite dar resposta ás necesidades reais dos concellos, especialmente no ámbito rural, onde a conservación dos camiños municipais resulta esencial para garantir a conectividade, facilitar a actividade económica e fixar poboación”. Neste senso, lembrou que a convocatoria do Plan Camiña 2026-2027, conta cun orzamento de 19 millóns de euros en concorrencia non competitiva.

No conxunto da provincia da Coruña, na convocatoria 2025-2026, un total de 86 concellos recibiron achegas da Consellería de Medio Rural por un importe global de máis de 2,8 millóns de euros e na comarca de Bergantiños-Costa da Morte foron beneficiarios destas axudas 15 concellos (A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, Vimianzo, Ponteceso e Zas) por un importe total de máis de 1 millón de euros.

Neste sentido, subliñou que a Xunta continúa colaborando coas entidades locais “para dotar aos municipios de mellores infraestruturas e servizos, contribuíndo a unha mobilidade máis segura, eficiente e adaptada ás demandas da veciñanza”.

A representante autonómica lembrou que o Plan Camiña forma parte da estratexia do Goberno galego de apoio ao municipalismo e de reforzo das comunicacións interiores, mediante actuacións que redundan directamente na calidade de vida da cidadanía e na competitividade do rural galego.