A Xunta investirá 2,5 M€ no proxecto de restauración ambiental da lagoa de Traba, no concello de Laxe

Laxe (A Coruña), 17 de xuño de 2026

A Xunta de Galicia destinará un investimento de arredor de 2,5 millóns de euros a un proxecto integral de restauración ambiental da lagoa de Traba, no concello de Laxe, a executar entre os anos 2027 e 2028.

Así o anunciou esta semana a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita á zona húmida na que se vai actuar e na que estivo acompañada polo alcalde, Francisco Charlín.

Como primeiro paso, a responsable autonómica explicou que este ano o seu departamento acometerá a redacción do proxecto para concretar as actuacións a realizar no marco do referido plan e trasladoulle tamén ao rexedor que nel se integrarán todos os intereses implicados, desde os medioambientais ata o mantemento de aproveitamentos tradicionais sostibles existentes na contorna

Neste sentido, avanzou que incluirá medidas de control da vexetación perimetral; restauración do sistema dunar e dos seus hábitats (tanto no medio seco como húmido); recuperación ou reforzo da flora e fauna locais e eliminación de especies exóticas invasoras; actuacións sobre o desaugadoiro natural para recuperar a dinámica hídrica deste espazo e evitar inundacións nos terreos adxacentes; ampliación da lámina de auga, e mellora do uso público e da experiencia dos visitantes (paneis, balizamento de áreas sensibles, adecuación da pasarela…).

Plan de restauración de humidais

Cómpre lembrar que esta actuación de mellora ambiental na lagoa de Traba está incluída no Plan de restauración de humidais impulsado polo Goberno galego e no que prevé investir 4,65 millóns de euros a través de distintas intervencións programadas en zonas húmidas das catro provincias galegas a executar de aquí ao ano 2028.

A lagoa de Traba constitúe un ecosistema clave para moitas especies de aves, tanto sedentarias como invernantes. Así, é un dos 646 espazos naturais deste tipo inventariados en Galicia, que é a cuarta comunidade española con máis zonas húmidas na lista Ramsar, un rexistro internacional que integra os humidais de todo o mundo que destacan polo seu interese ecolóxico e transcendencia para a biodiversidade.

As zonas húmidas galegas Ramsar son, concretamente, a ría de Ribadeo; as rías de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo de Corrubedo; o complexo intermareal Umia-O Grove; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Este tipo de ecosistemas son vitais para proporcionar servizos esenciais para o medio ambiente e a sociedade, como, por exemplo, regulación hídrica, protección fronte a posibles inundacións, depuración de augas, almacenamento de carbono ou sostén da biodiversidade.