
A parroquia de Xaviña, no municipio de Camariñas, acollerá o vindeiro sábado 25 de xullo unha nova edición da Festa da Praia, que terá como escenario o Merendeiro do Airiño. A cita reunirá veciños e visitantes arredor dunha completa programación festiva na que non faltarán os actos relixiosos, a gastronomía e a música en directo.
A xornada dará comezo ás 12.30 horas coa celebración da misa solemne na honra de Santiago Apóstolo, que contará coa participación do Coro Anduriñas de Xaviña.
Xa pola tarde, ás 14.00 horas, os asistentes poderán degustar unha sardiñada gratuíta, unha das actividades máis agardadas da festa. Á mesma hora arrancará tamén a actuación do grupo O Tren da Unha, que volverá subir ao escenario ás 16.00 horas para poñer o broche final á celebración.
Entre ambas actuacións, ás 15.00 horas, será a quenda de Abrindo Rejo, que amenizará a sobremesa coa súa música.
A Festa da Praia consolídase un ano máis como unha das citas destacadas do verán en Xaviña, ofrecendo unha xornada de convivencia na que tradición, gastronomía e música se dan a man nun enclave privilexiado da costa camariñá.