O Camping de Baldaio expresa o seu malestar polo estado da contorna e a falta de actuacións (Vídeo)

O Camping de Baldaio fixo público o seu malestar pola situación que atravesa a contorna da lagoa e pola falta de actuacións para resolver diversos problemas que, segundo denuncian, levan anos sen resposta.

Nun comunicado, sinalan que nestes días Baldaio está «na boca da xente» debido ao peche da lagoa. Explican que a acumulación de area non afecta unicamente á entrada da ponte, senón a practicamente toda a lagoa. Como exemplo, indican que en zonas onde antes había arredor de dous metros de profundidade, na actualidade a auga apenas chega aos nocellos.

Desde o establecemento aseguran sentirse preocupados pola forma na que se está a xestionar esta situación, aínda que insisten en que este non é o único problema que afecta á zona.

Entre as súas reivindicacións tamén destacan o deterioro da pasarela de madeira, onde faltan táboas no chan, a vexetación invade o percorrido e existen tramos que mesmo quedaron sen ancoraxe, o que consideran un risco para os usuarios.

Así mesmo, critican o estado das pistas de acceso, que durante o inverno presentan numerosas fochancas e, no verán, fortes ondulacións que dificultan o tránsito diario das persoas que teñen que utilizalas.

Outra das demandas fai referencia á estrada xeral, coñecida como a recta da praia. Segundo denuncian, o proxecto para o seu ensanche leva anos de atraso e a vía segue sen contar cunha beirarrúa que permita aos peóns camiñar con seguridade.

Desde o Camping de Baldaio conclúen que estes problemas evidencian a falta de investimento e mantemento nun dos espazos naturais máis emblemáticos da comarca, e reclaman ás administracións que adopten medidas para mellorar o estado das infraestruturas e da contorna.