
Os treitos de Cerceda e Tordoia xa están listos para recibir os equipos e o público esta fin de semana, tras varios días de traballos de preparación e acondicionamento do percorrido.
A conta atrás para o I Rallysprint Cerceda-Tordoia entra na súa recta final. Os tramos que formarán parte desta primeira edición da proba xa están preparados para acoller a competición, despois de varios días de intenso traballo sobre o terreo.
A organización deu por rematados os labores de preparación e encintado dos percorridos, que presentan dúas propostas ben diferenciadas. Por unha banda, o treito de Cerceda incorpora pequenas modificacións con respecto a trazados utilizados en edicións anteriores, mentres que o de Tordoia será completamente novo e estrearase por primeira vez nunha competición automobilística.
A través de varias imaxes dos traballos realizados, a organización amosou o resultado do acondicionamento dos tramos e os preparativos levados a cabo para que todo estea a punto de cara á fin de semana.
Desde a organización quixeron destacar especialmente o esforzo realizado polo equipo de Varelaevent’s e por todas as persoas que colaboraron na preparación da proba. Un traballo que, segundo sinalan, tivo que desenvolverse en condicións meteorolóxicas moi complicadas, o que engadiu dificultades ás tarefas necesarias para deixar listo o percorrido.
**A seguridade, prioridade da organización**
Con todo preparado para a estrea do rallysprint, a organización quixo facer un chamamento á responsabilidade dos afeccionados que se acheguen aos tramos para seguir a competición.
Neste sentido, lembra que o público deberá situarse unicamente nas zonas habilitadas e respectar en todo momento as indicacións dos comisarios, facendo especial fincapé en que a seguridade debe estar por riba de calquera outra consideración.
Cerceda e Tordoia prepáranse así para vivir unha fin de semana de motor coa celebración da primeira edición deste rallysprint, que contará cun tramo con pequenos cambios sobre un trazado xa coñecido e outro completamente novo, nunha cita que afronta xa os seus últimos preparativos.








