
O accidente produciuse na Rúa da Coruña cando o home intentaba pasar dun piso a outro tras perder as chaves da súa vivenda.
Un home resultou ferido con múltiples fracturas este sábado ao caer desde un sétimo andar ata un patio de luces situado na primeira planta dun edificio da Rúa da Coruña, en Ourense.
O suceso tivo lugar ao mediodía, cando a vítima intentaba pasar dunha vivenda a outra tras perder as chaves. Segundo a información facilitada, foi un familiar quen alertou ao 112 Galicia para solicitar axuda, indicando que o seu pai acababa de caer ao patio interior do inmoble.
Ata o lugar desprazáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como efectivos dos Bombeiros de Ourense, mobilizados polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia para colaborar nas tarefas de rescate e facilitar o acceso do persoal sanitario ao ferido.
As características do patio de luces, cun acceso especialmente estreito, complicaron a intervención. Por este motivo, os bombeiros tiveron que empregar unha das súas propias padiolas para trasladar o home ata o punto no que agardaba a dotación sanitaria.
A vítima presentaba múltiples fracturas e precisou asistencia médica tras ser rescatada.
No operativo tamén participaron axentes da Policía Local e da Policía Nacional, que colaboraron nas tarefas de asistencia e coordinación da emerxencia.
