Catro concellos da Costa da Morte reciben recoñecementos no programa Vilas en Flor Galicia (Galería Fotográfica)

Carballo, A Laracha, Vimianzo e Ponteceso destacan entre os municipios galegos premiados nesta edición polo seu compromiso coa mellora e embelecemento dos espazos públicos e a calidade de vida da veciñanza.

O programa Vilas en Flor Galicia celebrou este venres no Auditorio Municipal de Salceda de Caselas o acto de entrega dos recoñecementos correspondentes a esta edición, na que catro concellos da Costa da Morte resultaron distinguidos: Carballo, A Laracha, Vimianzo e Ponteceso.

Na relación de municipios premiados, Carballo acadou o máximo recoñecemento de Catro Flores de Honra, mentres que A Laracha e Vimianzo conseguiron Tres Flores de Honra. Pola súa banda, Ponteceso foi distinguido cunha Flor de Honra.

O xurado do certame valora diferentes aspectos dos municipios participantes. A avaliación non se limita aos xardíns e espazos verdes máis emblemáticos, senón que tamén ten en conta as entradas aos núcleos urbanos, os barrios residenciais, as zonas menos favorecidas e o coidado xeral da contorna.

Ademais, o programa presta atención á comunicación e ás iniciativas sociais e turísticas vinculadas á natureza, á paisaxe e ao embelecemento dos espazos públicos.

No conxunto de Galicia, os recoñecementos quedaron distribuídos do seguinte xeito: con Catro Flores de Honra situouse Carballo; con Tres Flores, Arteixo, Culleredo, A Laracha, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, As Somozas e Vimianzo; con Dúas Flores, Abegondo, Curtis, Oza-Cesuras e Sada; e cunha Flor de Honra, Ponteceso.

Estes galardóns supoñen un recoñecemento ao traballo desenvolvido polos concellos na mellora da súa contorna urbana e rural, así como no coidado dos espazos verdes e na creación de vilas máis sostibles, agradables e atractivas tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.