O perfil falso da «Gaivota» volve aparecer nas redes do Concello de Malpica

O perfil falso da Gaivota volve aparecer nas redes sociais vinculadas ao Concello de Malpica, recuperando unha dinámica que xa xerara polémica no pasado polos seus ataques e críticas dirixidas contra diferentes persoas, colectivos e medios.

Ao longo do tempo, este perfil xa puxera o foco no PSOE, en A Cañizo, na Igrexa e, máis recentemente, en Faro da Costa. Unha situación que volve abrir o debate sobre o uso das redes sociais institucionais e sobre a necesidade de diferenciar claramente entre a opinión política e a comunicación pública dun concello.

Desde Faro da Costa entendemos que, se as nosas informacións están a xerar este tipo de reaccións, é precisamente porque estamos facendo o noso traballo: informar con independencia e sen bailar ao son de ningún partido político.

O feito de que o Concello de Malpica dedique especial atención a un medio de comunicación independente como Faro da Costa, mesmo para cuestionar publicamente o seu labor, pode interpretarse como unha mostra da relevancia que adquiriron as nosas informacións.

DATO MATA RELATO

Pero máis alá das opinións, hai unha cuestión fundamental: os datos matan o relato.

E é precisamente aí onde queremos centrar o debate. Durante estes anos, Faro da Costa publicou numerosas informacións e imaxes sobre o estado de conservación de diferentes puntos de Malpica: maleza, sinais deteriorados ou rotos, falta de mantemento, sucidade, elementos urbanos en mal estado e outras deficiencias que afectan á imaxe e ao día a día do municipio.

Non se trata agora de entrar nunha batalla de opinións nas redes sociais. Trátase de revisar o arquivo, recuperar as publicacións e comprobar que se denunciou, cando se denunciou e cal foi a resposta ou solución adoptada en cada caso.

Porque unha fotografía, unha data e unha información publicada poden contrastarse. E ese é o terreno no que Faro da Costa quere continuar traballando.

Non pretendemos ser o medio de ningún partido nin de ningún goberno. Queremos ser un medio para os veciños. E iso implica contar tanto aquilo que se fai ben como aquilo que consideramos que debe mellorar.

Se hai discrepancias coas nosas informacións, sempre existe a posibilidade de achegar datos, documentos e explicacións. O debate público debe facerse desde os feitos e non desde perfís anónimos ou falsos.

Por iso, fronte ao ruído das redes sociais, Faro da Costa seguirá recorrendo ao seu arquivo e ás evidencias publicadas ao longo destes anos.

Dato mata relato. E os datos, neste caso, están publicados.

¿ONDE MENTIMOS?