Dúas mil sinaturas reclaman cambios no PXOM da Laracha para frear a instalación de plantas de biogás en solo rústico

A Plataforma Stop Biogás A Laracha entregou no Rexistro Municipal unha iniciativa popular local que pide tamén a suspensión cautelar das licenzas para este tipo de proxectos

A Laracha, 4 de agosto de 2026.– A Plataforma Stop Biogás A Laracha, acompañada de decenas de veciños e veciñas, presentou este martes no Rexistro Municipal da Laracha unha iniciativa popular local avalada por 2.000 sinaturas, coa que pretende impulsar cambios no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para impedir a instalación de plantas industriais de xestión de residuos destinadas á produción de biogás en determinados solos rústicos do municipio.

A iniciativa, segundo explica a plataforma, solicita que o Concello convoque un Pleno extraordinario no que se dea inicio aos trámites e estudos necesarios para modificar o PXOM. O obxectivo é establecer unha regulación que impida a implantación deste tipo de instalacións en zonas que poidan afectar núcleos de poboación ou elementos do patrimonio.

Ademais, a proposta reclama a suspensión cautelar inmediata do outorgamento de novas licenzas para proxectos destas características mentres se desenvolvan os estudos e a correspondente tramitación da modificación do planeamento urbanístico.

Outro paso máis na defensa do noso territorio e da nosa veciñanza”, sinalan desde a Plataforma Stop Biogás A Laracha, que agradeceu a participación das persoas que apoiaron a iniciativa, así como de todas aquelas que colaboraron na recollida, custodia e entrega das sinaturas.

A plataforma enmarca esta acción na súa oposición ao proxecto dunha macroplanta de biogás prevista na parroquia de Soandres. O colectivo considera que a modificación do planeamento municipal podería servir para evitar que instalacións deste tipo se implanten en localizacións que, ao seu xuízo, poden xerar afeccións sobre a poboación, o territorio e o patrimonio.

Novas mobilizacións no río Anllóns

A actividade reivindicativa da plataforma continuará nos próximos días. Este sábado 8 de agosto, ás 12:30 horas, está previsto o “Abrazo á Auga 2026” no entorno do río Anllóns, na Área Recreativa de Gabenlle.

A iniciativa desenvolverase en colaboración con Ecoloxistas Galicia “Atlántica e Verde” e forma parte das accións previas ao IV Encontro Burla Verde, programado para os días 5 e 6 de setembro en Mazaricos.

Por outra banda, o xoves 13 de agosto terá lugar a IV Cadea Humana no río Anllóns, tamén na Área Recreativa de Gabenlle. A mobilización pretende manter viva a protesta que a plataforma desenvolve cada día 13 de mes, en lembranza da data na que saíu a exposición pública o proxecto da macroplanta de biogás que se pretende instalar en Soandres.

Con estas mobilizacións, Stop Biogás A Laracha anuncia que continuará reclamando medidas para a protección do territorio e dos ecosistemas da comarca, ao tempo que mantén a súa oposición ao proxecto previsto na parroquia de Soandres.