
A aldea de Riobó, en Cabana de Bergantiños, volveu viaxar no tempo durante este verán coa celebración dunha nova edición da súa xa clásica xornada de recreación histórica.
A iniciativa, promovida polo Concello de Cabana de Bergantiños, reuniu veciñanza e visitantes nunha xornada marcada pola historia, a cultura, a música e o espectáculo, recuperando o ambiente propio da Idade Media e convertendo Riobó nun auténtico escenario histórico.
Entre as propostas máis destacadas estiveron, un ano máis, as prevodas medievais, un dos grandes atractivos desta celebración, que permitiron ao público achegarse dunha maneira lúdica á historia e ás tradicións do pasado.
A música puxo tamén a súa nota de identidade á xornada, con dous grandes protagonistas: Xabier Díaz, unha das voces máis recoñecidas da música tradicional galega, e as Adufeiras de Salitre, que achegaron a súa forza e o seu característico repertorio a unha celebración na que a tradición foi protagonista.
A xornada combinou así recreación histórica, música tradicional e espectáculos para todos os públicos, contribuíndo a poñer en valor o patrimonio cultural e a identidade de Cabana de Bergantiños.
O Concello de Cabana de Bergantiños quere agradecer a todas as persoas que se achegaron ata Riobó e participaron nesta nova edición, facendo posible que a aldea volvese vivir unha xornada especial na que pasado e presente se deron a man.
Un ano máis, Riobó regresou á Idade Media e fíxoo rodeado de música, tradición e moita historia.
















