
Máis dun ano despois de desmantelarse o antigo espazo de xogos, os veciños seguen á espera de que comece a actuación prometida
Os veciños do Quinto Pino, en Arteixo, volven reclamar respostas sobre o futuro do parque infantil da zona. Segundo denuncian, pasou máis dun ano desde que se desmantelou o pouco que quedaba do antigo espazo de xogos e, a día de hoxe, as novas instalacións seguen sen chegar.
A situación está a xerar malestar entre as familias da zona, que consideran excesivo o tempo transcorrido sen que se materialice a actuación. O espazo, que debería estar destinado ao lecer dos máis pequenos, permanece á espera das obras anunciadas.
“Seguimos esperando”, sinalan os veciños, que reclaman saber cando está previsto o inicio dos traballos e cando poderán volver contar cun parque infantil en condicións.
A reivindicación chega, ademais, a poucos meses das próximas eleccións municipais, polo que os residentes consideran que xa vai sendo hora de que se concreten os compromisos e se poña unha data sobre a mesa.
As familias do Quinto Pino piden ao Concello de Arteixo que informe con claridade sobre o estado do proxecto, os prazos previstos e a data de inicio das obras.
Máis dun ano de espera despois do desmantelamento do antigo parque, os veciños queren deixar de esperar e empezar a ver resultados.