O BNG de Santa Comba denuncia a falta de reparacións na estrada que leva á praia fluvial de San Salvador

A formación nacionalista esixe ao Goberno municipal que explique que aconteceu coa estrada de San Salvador e cos fondos comprometidos hai 18 anos

Santa Comba, 10 de setembro de 2026. — O BNG de Santa Comba reclama unha actuación definitiva na estrada que une a capital municipal con San Salvador e que dá acceso á praia fluvial, unha vía cuxo estado de conservación continúa a empeorar malia levar case dúas décadas agardando por unha intervención.

A denuncia chega tras o anuncio do Goberno municipal dos novos investimentos do POS+ en diferentes puntos do rural e de actuacións previstas en San Salvador. O portavoz municipal do BNG, Xoán David Sixto, sinala que no Perfil do Contratante do Concello non figura ningunha licitación que identifique especificamente o arranxo da estrada principal, unha actuación que a veciñanza leva anos reclamando.

“É certo que existe unha licitación para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, tanto en San Salvador como noutras parroquias, mais a actuación non identifica a estrada principal, obxecto dunha reivindicación que vén de vello”, explicou Sixto.

Desde o BNG consideran necesario aclarar con precisión que actuacións se van executar, xa que o firme da estrada presenta múltiples deficiencias e problemas de seguridade derivados da falta de conservación.

Un convenio de 200.000 euros en 2008

A reivindicación da veciñanza remóntase a 2008, cando foi asinado un convenio cunha empresa eólica instalada na zona polo que se comprometían 200.000 euros para o arranxo da estrada. Ademais, a empresa asumiría ata un máximo de 25.000 euros para a elaboración do proxecto técnico.

Porén, segundo denuncia o BNG, a actuación prevista nunca chegou a executarse e a partida destinada á elaboración do proxecto tampouco tería sido ingresada.

Ao longo dos anos, as protestas veciñais foron constantes. En 2016 xa se produciron mobilizacións para reclamar a reparación da vía e, en 2020, unha nova manifestación volveu esixir que a actuación se executase definitivamente. As reivindicacións volverían tamén á actualidade política de Santa Comba en 2022.

“18 anos de reivindicación veciñal, promesas incumpridas polos diferentes gobernos municipais e investimentos prometidos que nunca chegan”, sinalou Xoán David Sixto. O portavoz do BNG considera que a situación require unha solución “dunha vez” por razóns de “seguridade e accesibilidade para a veciñanza”.

A formación nacionalista reclama, ademais, que o Concello concrete os detalles das actuacións anunciadas en San Salvador. “O Goberno municipal debe deixar de utilizar referencias xenéricas a investimentos en San Salvador e explicar con exactitude que estrada se vai arranxar, que tramo, con que orzamento e en que prazo”, esixe Sixto.

O destino dos fondos, outra cuestión pendente

O BNG considera que existe tamén unha cuestión que continúa sen resposta: que aconteceu cos fondos vinculados ao longo destes anos ao arranxo da estrada.

Segundo lembra a formación, as informacións publicadas en diferentes momentos ofrecen cifras e situacións que non coinciden. En 2018 facíase referencia novamente a un convenio de 200.000 euros, aos que se sumarían os 25.000 euros destinados ao proxecto. En 2016, pola súa banda, informábase de que serían 225.000 euros os entregados ao Concello.

Porén, en 2019, durante un debate plenario, a entón alcaldesa María Pose afirmaba que, cando o seu goberno chegara ao Concello, quedaban 145.000 euros dos 200.000 euros inicialmente comprometidos.

“Estas diferenzas fan aínda máis necesaria unha explicación documental, porque a veciñanza de San Salvador ten dereito a coñecer o destino dos fondos vencellados a unha obra que levan reclamando, con xustiza, desde hai anos”, concluíu Xoán David Sixto.

O BNG reclama así ao Goberno municipal que detalle o estado actual dos fondos, a situación administrativa da actuación e os plans concretos para reparar unha estrada que, segundo a formación, leva 18 anos á espera dunha solución definitiva.