Espazo Común Mazaricos reclama un parque infantil para San Cosme

Espazo Común Mazaricos reclama á Administración a instalación dun parque infantil en San Cosme e denuncia que os nenos e nenas da parroquia levan anos sen un espazo propio de lecer.

Desde Espazo Común Mazaricos poñen o foco nunha demanda que, segundo sinalan, a veciñanza leva tempo trasladando: a creación dun parque infantil en San Cosme.

«Os nenos de San Cosme tamén existen», reivindican desde a formación, que considera «indignante» que os máis pequenos da parroquia non dispoñan dun lugar adecuado onde xogar mentres noutras zonas existen espazos infantís.

«Cansados estamos de pedilo», sinalan, reclamando que a Administración e o organismo competente atendan dunha vez esta petición.

Desde Espazo Común Mazaricos cuestionan tamén o investimento e a planificación dos espazos públicos destinados ao lecer infantil. «É indignante ver parques postos para os paxaros, literalmente, e que os nosos nenos estean sen un», denuncian.

A formación reclama así que San Cosme conte cun parque infantil digno, entendendo que os nenos e nenas da parroquia teñen o mesmo dereito a dispoñer de espazos de xogo e convivencia que os doutras localidades do municipio.

«Os nenos de San Cosme tamén existen e merecen ser escoitados», conclúen.