A Xunta apoia a posta en marcha da nova residencia de maiores e centro de día de Cerdedo-Cotobade

O equipamento, situado na parroquia de Carballedo, contará con 59 prazas residenciais e 24 de atención diúrna

CERDEDO-COTOBADE, 22 de setembro de 2026.– A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou este martes as obras da nova residencia e centro de día para persoas maiores de Cerdedo-Cotobade, que se está a construír na parroquia de Carballedo e será de titularidade municipal. O futuro equipamento contará con 59 prazas residenciais e outras 24 de atención diúrna.

Durante a visita, na que estivo acompañada polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, a conselleira destacou que a nova infraestrutura permitirá ampliar os recursos destinados ás persoas maiores no municipio e completará a rede de servizos que a Administración autonómica xa ofrece no núcleo de Cerdedo.

Nesa zona están en funcionamento un centro de día e un fogar residencial, aos que se suma a residencia inaugurada hai dous anos polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Máis de 130.000 euros para as obras

A Xunta contribúe á posta en marcha do novo equipamento mediante un convenio co Concello, polo que financiou con máis de 130.000 euros unha parte das actuacións. Os fondos destináronse, concretamente, ao soterramento das liñas eléctricas que atravesaban a parcela na que se está a levantar o novo edificio.

Fabiola García situou esta colaboración dentro da política da Xunta para ampliar e mellorar a rede de atención ás persoas maiores e dependentes en Galicia.

Neste contexto, a conselleira referiuse tamén ao novo proxecto de residencias presentado polo Goberno galego, que contempla a creación de 24 novos centros en concellos de menos de 25.000 habitantes, aos que se engade o equipamento comprometido en Ribeira. En total, serían 25 novas residencias, con máis de 1.800 prazas, das que, segundo a Xunta, un mínimo do 60 % serán de titularidade pública.

Sete novos centros na provincia de Pontevedra

García explicou que o proxecto se articula arredor da ampliación de prazas, servizos e oportunidades para as persoas maiores, cunha planificación que pretende avanzar na creación dos novos equipamentos.

No caso da provincia de Pontevedra, están previstos sete centros. Na contorna da cidade de Pontevedra proxéctase unha residencia principal en Marín, con máis de 100 prazas, e un centro satélite en Moraña, con 30.

Na zona do Porriño e O Val Miñor, O Porriño sería o emprazamento principal e Baiona acollería o centro satélite. No Salnés, os municipios seleccionados son Sanxenxo e Cambados, mentres que na área do Condado e A Paradanta a residencia de maior capacidade estaría prevista en Arbo.

O proxecto inclúe tamén Padrenda, na provincia de Ourense, como centro de menor capacidade, polo que este sería o único lote previsto pola Xunta que se desenvolvería entre dúas provincias.