
A celebración terá lugar o vindeiro 26 de setembro no Parque Luciano García Alén e contará con música, xantar popular e actividades durante toda a xornada
O verán pode rematar, pero a festa continúa en Buño. O vindeiro 26 de setembro, o Parque Luciano García Alén acollerá unha nova edición do QuinteiroFest, unha celebración coa que a veciñanza despedirá a tempada ao grande, rodeada de boa comida, música, baile, amigos e veciños.
A xornada comezará ás 13:30 horas cunha sesión vermú a cargo de Judith Cundíns, que dará o pistoletazo de saída a un día pensado para gozar en compañía.
Ás 15:00 horas chegará o momento do xantar popular, que ofrecerá un menú composto por codillo ao forno con patacas, pan, queixo con biscoito e café. A bebida non está incluída no menú. Para participar no xantar será necesario realizar a reserva e o pagamento previo, cun prezo de 20 euros por persoa.
A festa continuará pola tarde. A partir das 18:00 horas, o grupo de versións Retrotool será o encargado de poñer ritmo ao tardeo, mentres que ás 20:00 horas tomará o relevo DJ Grobas, que pechará a programación musical da xornada cunha sesión para seguir bailando.
Reserva para o xantar
As persoas interesadas en participar no xantar popular poden facer a súa reserva mediante pago electrónico (Bizum ou tarxeta) ou a través de transferencia bancaria.
Tamén é posible reservar para outras persoas. Neste caso, a persoa que realiza o pagamento deberá indicar o número total de comensais e identificarse cos seus datos. O resto dos participantes só terá que indicar quen realizou a reserva no momento de acceder ao xantar.
Datos para a transferencia:
- Prezo: 20 € por persoa.
- IBAN: ES90 0049 7141 0229 1000 7300
- Beneficiario: Asociación de Veciños e Socio-Cultural O Quinteiro de Buño
- Concepto: XANTAR QUINTEIROFEST
- Emisor: nome e apelidos da persoa que realiza o pagamento e a reserva.
A organización anima a veciños, amigos e visitantes a participar nunha xornada pensada para despedir o verán compartindo mesa, música e festa.
O 26 de setembro, Buño ten unha cita co QuinteiroFest. Non faltes e lembra reservar o teu xantar!
