A Xunta e o Concello de Outes analizan melloras nas infraestruturas do porto de O Freixo

A actuación de asfaltado e reforzo do firme contará cun investimento previsto de 85.000 euros

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, mantivo unha reunión co alcalde de Outes, Francisco Calo, para analizar as principais necesidades e proxectos de mellora nas instalacións portuarias do municipio.

Un dos asuntos abordados durante o encontro foi o proxecto de asfaltado e reforzo do firme das vías e explanadas do porto de O Freixo, unha actuación que contará cun orzamento previsto de 85.000 euros e que se integrará no plan global de firmes que Portos de Galicia licitará proximamente.

Na reunión tamén se tratou a renovación do convenio de colaboración co Concello, destinado á reordenación dos estacionamentos e á humanización do contorno portuario, co obxectivo de mellorar tanto a funcionalidade como a integración do espazo portuario na contorna urbana.

Outro dos puntos analizados foi o reforzo da seguridade na zona dos pantaláns. Neste sentido, estudáronse diferentes propostas técnicas para mellorar as condicións de seguridade e valorar unha posible ampliación das prazas destinadas á sétima lista, atendendo ás necesidades existentes no porto.

Promoción dos produtos da ría

O encontro tamén permitiu abordar a cooperación entre as distintas administracións para impulsar a promoción dos produtos pesqueiros e do marisqueo locais.

Neste ámbito, púxose en valor a colaboración da Consellería do Mar na última Festa de Exaltación dos Produtos da Ría, unha iniciativa que busca dar visibilidade á actividade pesqueira e marisqueira da zona e poñer en valor a calidade dos produtos procedentes da ría.

A reunión permitiu así avanzar na coordinación entre a Xunta e o Concello de Outes para atender as necesidades das instalacións portuarias de O Freixo e impulsar actuacións destinadas á súa mellora, así como á promoción dos recursos e produtos vinculados á actividade marítimo-pesqueira local.