
A sexta edición da competición celebrarase o 3 de outubro con máis de 1.000 euros en premios, concertos, actividades infantís e unha festa final con DJs
Rianxo será o vindeiro 3 de outubro o escenario dunha nova edición de CeibaRimas, a competición de freestyle improvisado en lingua galega que chega este ano á súa sexta edición co apoio da Deputación da Coruña. A xornada combinará batallas de improvisación, música en directo, actividades para a cativada e unha festa final con sesións de DJs.
As actividades desenvolveranse nas inmediacións da praza de Castelao a partir das 18.00 horas. A competición contará con máis de 1.000 euros en premios e terá inscrición gratuíta a través da web oficial de CeibaRimas.
A deputada de Lingua, Sol Agra, destacou o papel do evento na promoción do galego entre as novas xeracións. Segundo sinalou, a iniciativa “demostra que o galego é unha lingua plenamente viva, capaz de habitar todos os espazos e de dialogar coas novas formas de creación cultural”.
Agra tamén puxo o foco na capacidade do freestyle para achegar a lingua á mocidade e convertela nun vehículo de creación e expresión artística. “O freestyle ten unha enorme capacidade para conectar coa xente nova e para facer do galego unha lingua de uso, de creación e de diversión”, afirmou.
Música e cultura urbana
A programación de CeibaRimas irá máis alá da competición de freestyle. O cartel musical inclúe os concertos de Rebeliom do Inframundo e Txuki Camanho, así como as actuacións de Noa Vigo, Baba Sall, Alddara, Skadi GZ, Basti e Ash Diz.
Unha vez rematadas as batallas, a actividade continuará pola noite cunha afterparty que dará comezo ás 23.00 horas e que contará coas sesións de DJ Misa, Saibran DJ Set e Soundivan.
Un obradoiro de rap para a cativada
Como novidade desta sexta edición, CeibaRimas incorpora un obradoiro de rap improvisado dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos. A actividade celebrarase ás 12.00 horas e estará impartida por High Paw.
A proposta busca achegar a creación oral e a improvisación en galego ás xeracións máis novas, ofrecéndolles un espazo no que experimentar coa lingua a través da música e do xogo.
“É especialmente importante que as novas xeracións vexan que o galego tamén pode ser a lingua coa que crean, xogan, improvisan e se expresan nos ámbitos culturais que forman parte do seu día a día”, apuntou Sol Agra.
Con esta nova edición, CeibaRimas consolídase como un encontro arredor do freestyle e da cultura urbana en galego, reunindo en Rianxo artistas, participantes e público nunha xornada dedicada á música, á palabra improvisada e á creación cultural.
