
A actuación permitirá renovar o saneamento, soterrar os cableados e mellorar a mobilidade e accesibilidade na N-651
O Concello de Cabanas licitou hoxe as obras de mellora dos servizos urbanos e humanización dun tramo da avenida do Areal, no seu percorrido pola estrada N-651, cun orzamento total de 582.367,81 euros, IVE incluído.
O proxecto, que foi renovado integramente en 2024, abrangue o tramo comprendido entre aproximadamente 70 metros por riba do cruce de Tras da Vila e 50 metros por debaixo da intersección da avenida do Areal coa Travesía do Oito, entre os puntos quilométricos 21+270 e 21+540.
Entre as principais actuacións previstas atópase a renovación das tubaxes de saneamento, nunha zona que presenta frecuentes avarías e roturas. Ademais, procederase ao soterramento dos cableados eléctricos, de iluminación pública e de telecomunicacións, o que permitirá eliminar o impacto visual do tendido aéreo e ofrecer unha imaxe máis despexada da vía.
Melloras na mobilidade e accesibilidade
O proxecto tamén contempla importantes melloras para peóns e vehículos. Incorporaranse novos pasos peonís para facilitar o cruzamento da estrada e renovarase o punto destinado aos cambios de sentido dos vehículos.
Pola súa banda, as novas beirarrúas serán executadas en formigón desactivado, buscando mellorar tanto a accesibilidade como a integración urbana do ámbito.
Financiamento entre o Concello e a Deputación
As obras contan coa participación da Deputación da Coruña, a través dun convenio cunha achega de 180.000 euros. O importe restante, 402.367,81 euros, será financiado integramente con fondos municipais.
O Ministerio de Transportes, titular da estrada N-651, non achega financiamento a esta actuación.
O alcalde de Cabanas, Fernando Couce, destacou a importancia e necesidade dunha intervención que permitirá actuar sobre infraestruturas e servizos urbanos que precisan dunha renovación. Así mesmo, salientou a importancia de aproveitar os fondos xa comprometidos para evitar que se perdan.
Porén, o rexedor sinalou que se trata dunha actuación parcial sobre a avenida e defendeu a necesidade de contar coa colaboración económica da Deputación da Coruña e do Ministerio de Transportes en futuras fases que permitan completar a mellora deste ámbito.
Neste sentido, Couce considerou necesario que as diferentes administracións se impliquen no financiamento dunha actuación destas características e lembrou que esta demanda foi trasladada persoalmente aos responsables das administracións competentes.
O Concello de Cabanas confía en que esta primeira fase permita avanzar na renovación integral da avenida do Areal, mellorando progresivamente tanto os servizos públicos como as condicións de mobilidade, accesibilidade e seguridade viaria.
