
Santiago de Compostela. Decenas de persoas iniciaron esta noite unha acampada na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela para reclamar o acceso a unha vivenda digna e denunciar a situación actual do mercado inmobiliario.
A mobilización, convocada polo Sindicato Vivenda de Compostela, segue o exemplo das protestas que se están a desenvolver noutras cidades, como Madrid e Barcelona, onde manifestantes levan varios días durmindo na rúa para visibilizar as dificultades de acceso á vivenda.
Os participantes aseguran estar «fartos» da especulación inmobiliaria e do rentismo e critican tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno central por considerar que as medidas adoptadas ata o momento son insuficientes para facer fronte ao problema da vivenda.
Segundo explicaron os organizadores, a decisión de iniciar a acampada adoptouse arredor da medianoite deste xoves, cando os primeiros participantes decidiron instalarse na emblemática praza compostelá.
Os convocantes agardan que ao longo desta noite se incorporen máis persoas á protesta. A intención, segundo sinalan, é aproveitar o impulso xerado polo desafiuzamento de Maricarmen para reclamar cambios que permitan garantir unhas condicións de vida e acceso á vivenda máis dignas.
A acampada pretende converterse así nun novo foco de mobilización social en Compostela arredor do dereito á vivenda e contra as dificultades que afrontan cada vez máis persoas para acceder a un fogar.
