
O PSdeG-PSOE de Corcubión denuncia que, a día de hoxe, o persoal municipal continúa sen percibir as súas nóminas e sen coñecer cando se producirá o pagamento. Segundo sinala a formación socialista, esta situación está a xerar preocupación entre as familias afectadas, que deben facer fronte a hipotecas, alugueiros e recibos habituais sen ter ingresado o seu salario.
Os socialistas lembran que, durante a etapa na que gobernaba o PSdeG no Concello, as nóminas do persoal municipal se abonaban, como máximo, o día 28 de cada mes.
Desde o PSdeG consideran especialmente significativo o silencio que, ao seu xuízo, mantiveron tanto o alcalde como a CIG ante esta situación. A formación socialista sinala que o rexedor é empregado municipal e que anteriormente exerceu como delegado sindical da propia CIG.
Por este motivo, o PSdeG cualifica de «incomprensible» que, ante unha situación que afecta directamente aos dereitos laborais e á economía das persoas traballadoras, non se ofrecera —segundo denuncian— unha explicación clara nin unha solución inmediata.
A formación socialista reclama que se dea resposta ao persoal municipal e que se concrete canto antes a data na que se fará efectivo o pagamento das nóminas.
«Para defender os dereitos laborais hai que estar tamén cando toca gobernar. Co soldo das familias non se xoga», conclúe o PSdeG de Corcubión.
