
O colectivo denuncia que Galicia volva ser escollida para a extracción mineira, en lugar de apostar pola reciclaxe e a recuperación de minerais en canteiras abandonadas.
A plataforma critica que oito dos 46 proxectos seleccionados pola Comisión Europea se centren exclusivamente na extracción de materias primas e que o de Touro-O Pino sexa o elixido en territorio galego.
Touro, 11 de outubro de 2026. – A Plataforma Mina Touro-O Pino manifesta a súa firme oposición á inclusión do proxecto de reapertura e ampliación da mina de cobre de Touro-O Pino na segunda lista de «proxectos estratéxicos» da Comisión Europea, ao abeiro do Regulamento de Materias Primas Fundamentais.
O colectivo considera intolerable que as institucións europeas apoien unha iniciativa promovida por Cobre San Rafael, filial da multinacional Atalaya Mining, que ameaza a integridade ecolóxica do territorio próximo a Santiago de Compostela. A plataforma lembra que a poboación local e numerosos colectivos levan nove anos amosando a súa oposición ao proxecto e presentando informes técnicos en contra da súa execución.
Galicia, territorio de sacrificio fronte á economía circular
A asociación critica a orientación da política europea en materia de materias primas e cuestiona que se siga priorizando a apertura de novas explotacións mineiras fronte a alternativas baseadas na recuperación e na reciclaxe.
Segundo os datos recollidos polo colectivo, dos 46 proxectos seleccionados en 16 Estados membros, oito céntranse exclusivamente na extracción, once na transformación e dezanove na reciclaxe. Outros tres combinan extracción e transformación, mentres que cinco combinan transformación e reciclaxe.
Para a plataforma, resulta especialmente preocupante que o proxecto de Touro-O Pino reciba a consideración de proxecto estratéxico precisamente pola súa vertente extractiva, unha decisión que, ao seu xuízo, converte o territorio nunha «terra de sacrificio» en beneficio de intereses empresariais multinacionais.
«A prioridade de Europa debería ser radicalmente oposta. As directrices comunitarias terían que centrarse na recuperación de minerais procedentes de canteiras abandonadas, asegurando a súa restauración, así como en impulsar decididamente a reciclaxe dos minerais que xa están introducidos na economía», afirma Jesús Castro, voceiro da plataforma.
A aposta pola minería fronte á reciclaxe
O colectivo cualifica de «incomprensible e indignante» que Galicia sexa sinalada para acoller unha macroexplotación mineira a ceo aberto mentres, segundo denuncia, non conta con ningún centro destas características dedicado á reciclaxe de materias primas e á economía circular.
A plataforma defende que a recuperación de minerais e a reciclaxe permitirían avanzar cara a un modelo máis sostible, reducindo a presión sobre o territorio e evitando os impactos asociados á apertura de novas explotacións.
Pola contra, alerta de que o proxecto Cobre San Rafael podería provocar a ocupación de terreos agrarios e forestais, incluíndo procesos de expropiación forzosa; a xeración de grandes volumes de residuos potencialmente tóxicos, cuxa xestión e permanencia supoñen un risco a longo prazo; e unha importante presión sobre os recursos hídricos que abastecen actualmente a poboación.
«Esta decisión demostra que se prefire a destrución do medio e as actividades contaminantes antes que investir en alternativas sostibles e de futuro, como a recuperación e a reciclaxe», sostén Jesús Castro. «En lugar de axudarnos a restaurar o noso pasado mineiro e a reciclar, bríndaselle unha alfombra vermella a Atalaya Mining para acelerar uns permisos que xa foron rexeitados social e ambientalmente».
A plataforma anuncia que continuará a oposición ao proxecto
A Plataforma Mina Touro-O Pino considera que a decisión da Comisión Europea non pode interpretarse como unha autorización automática para executar a explotación nin como unha garantía de que o proxecto cumpra todos os requisitos ambientais e administrativos que lle sexan esixibles.
Por iso, o colectivo anuncia que continuará utilizando todas as vías legais e sociais ao seu alcance para frear a reapertura e ampliación da mina.
A plataforma reclama un cambio de rumbo nas políticas europeas de materias primas que priorice a protección da biodiversidade, a recuperación ambiental dos espazos degradados, a reciclaxe e a economía circular, así como a defensa da saúde, dos recursos naturais e do benestar da poboación local.
A asociación insiste en que o futuro de Touro-O Pino non pode quedar subordinado aos intereses da industria extractiva e esixe que Galicia deixe de ser tratada como un territorio de sacrificio.
