
A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá aos usuarios da residencia pública autonómica de maiores Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, aos que trasladou o compromiso da Xunta de Galicia de seguir traballando para que cada centro residencial sexa un verdadeiro fogar para as persoas maiores.
Durante a visita, a conselleira destacou a importancia de ofrecer unha atención próxima, personalizada e centrada no benestar dos residentes, garantindo que as persoas maiores se sintan acompañadas, escoitadas e atendidas nun ambiente acolledor e familiar.
Así mesmo, Ángeles Vázquez puxo en valor o traballo diario dos profesionais das residencias de maiores, aos que agradeceu a súa dedicación e implicación. Neste sentido, salientou que constitúen un dos piares fundamentais da rede residencial de Galicia e desempeñan un papel esencial na atención e no coidado das persoas usuarias.
A visita permitiu á conselleira compartir un tempo cos residentes e coñecer de primeira man o día a día do centro.
