Stop Biometano Xallas denuncia a falta de información sobre a planta de biometano proxectada nas Maroñas: «Somos terra de sacrificio»

A plataforma alerta de que o proxecto de As Maroñas conta xa cunha Declaración de Impacto Ambiental favorable e acusa as administracións de non informar nin consultar os veciños afectados.

Stop Biometano Xallas denuncia a falta de transparencia e información arredor do proxecto dunha planta de biometano na parroquia de As Maroñas, no concello de Mazaricos, e alerta de que esta instalación forma parte dun escenario máis amplo no que existen varios proxectos de plantas de (bio)metano previstos para a comarca.

Segundo denuncia a plataforma, o proxecto de As Maroñas é o que se atopa nunha fase máis avanzada de tramitación, ao contar xa cunha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable.

A entidade critica que os veciños e gandeiros afectados non recibiron información suficiente por parte da empresa promotora nin das administracións competentes, e cuestiona que a tramitación simplificada empregada limite as posibilidades de participación cidadá e presentación de alegacións na vía administrativa.

Stop Biometano Xallas tamén sinala a responsabilidade das administracións públicas e reclama transparencia nun proceso que, segundo sostén, afecta directamente á vida diaria, á actividade gandeira e ao futuro do territorio.

A plataforma asegura que os veciños e gandeiros de As Maroñas non queren esta instalación e consideran que non responde ás necesidades da zona.

Baixo o lema «Somos terra de sacrificio», o colectivo expresa o seu rexeitamento ao proxecto e lanza unha mensaxe contundente contra a súa implantación: «O que produce a merda, que a xestione na súa casa. Non imos permitir que nola traian á nosa casa».

Stop Biometano Xallas chama á mobilización veciñal e expresa o seu apoio aos afectados de As Maroñas, reclamando que se escoite a voz da cidadanía antes de avanzar con proxectos destas características.

A campaña remata cunha mensaxe de unidade e resistencia veciñal: «Nin no teu pobo nin no meu».