A Plataforma en Defensa de Esteiro denuncia o abandono e o deterioro dos espazos públicos da localidade

A entidade reclama actuacións urxentes para recuperar infraestruturas, parques e elementos patrimoniais, e denuncia a desaparición da ponte da Salina, que obriga os peregrinos a realizar un longo rodeo.

A Plataforma en Defensa de Esteiro denuncia publicamente o que considera unha situación de «insultante abandono» que está a sufrir o pobo de Esteiro. A entidade expresa a súa preocupación polo progresivo deterioro de numerosas infraestruturas, espazos públicos e elementos patrimoniais da localidade, unha situación que, segundo sinala, evidencia a falta de mantemento e atención por parte das administracións responsables.

Entre os problemas máis urxentes, a Plataforma destaca o peche da ponte de Evaristo, ao que se suma o lamentable estado de conservación do pavillón municipal Xosé Lago e do parque de lecer das Caldeiradas.

Neste último espazo, ademais, desapareceron os aparellos de ximnasia destinados ás persoas adultas, que acabaron por perderse debido á falta de mantemento. Tamén se atopan deteriorados ou desaparecidos os carteis informativos sobre a flora e a fauna dos humidais da Salina, uns recursos que contribuían á divulgación e posta en valor do patrimonio natural da zona.

A denuncia esténdese igualmente ao estado do Artón, á fonte da Pontella —símbolo da loita contra o fascismo na década dos setenta— e aos parques infantís, cuxo estado de conservación cualifican de vergoñento. A Plataforma tamén chama a atención sobre o abandono do antigo edificio de Telefónica, situado no pleno corazón da localidade, un inmoble que forma parte da paisaxe urbana de Esteiro.

A desaparición da ponte da Salina, outro motivo de preocupación

Outro dos asuntos que a Plataforma considera especialmente grave é a desaparición da ponte da Salina, un paso vinculado á antiga ruta do correo real e que, na actualidade, xa non existe.

A entidade lembra que este itinerario forma parte do Camiño da Ría da Estrela, polo que a ausencia da ponte supón un importante obstáculo para os peregrinos que percorren esta ruta. Ao non poder atravesar ese punto, vense obrigados a realizar un longo rodeo para continuar o seu camiño.

Desde a Plataforma consideran que esta situación prexudica non só a mobilidade e a conexión entre os distintos espazos da localidade, senón tamén a promoción turística, cultural e patrimonial de Esteiro.

A Plataforma en Defensa de Esteiro reclama que se adopten medidas para poñer fin a esta situación, recuperar os elementos desaparecidos, reparar as infraestruturas deterioradas e garantir un mantemento adecuado dos espazos públicos.

A entidade considera que Esteiro merece atención, respecto e investimentos, e que non se pode permitir que o abandono continúe deteriorando os servizos, o patrimonio e os lugares de encontro e convivencia da veciñanza.