O CONCELLO DE CABANAS PUBLICA A LISTAXE PROVISIONAL DE BENEFICIARIOS DAS AXUDAS DE MATERIAL ESCOLAR PARA O CURSO 2026-2027

O Concello de Cabanas vén de publicar a listaxe provisional de persoas beneficiarias das axudas destinadas á adquisición de material escolar para o curso académico 2026-2027.

Tras a publicación da relación de adxudicatarios e adxudicatarias, ábrese un prazo de cinco días hábiles para que as persoas interesadas poidan presentar as correspondentes alegacións no caso de detectar algún erro ou omisión nos datos publicados. Unha vez rematado este período e resoltas as posibles reclamacións, a listaxe pasará a ser definitiva.

Estas axudas están dirixidas a familias empadroadas no municipio de Cabanas con fillos e fillas de ata 23 anos que cursen estudos en calquera nivel educativo, desde Educación Infantil ata a universidade. Para poder acceder a elas, establécese un límite máximo de renda per cápita de 12.000 euros anuais.

Poderán solicitar estas subvencións as nais, pais, titores legais ou familias acolledoras que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria.

As persoas interesadas poden consultar o documento completo no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica do Concello de Cabanas ou no propio documento adxunto ao anuncio municipal.