Avanzan as obras de renovación da praza do Concello de Zas e da súa contorna cun investimento de máis de 685.000 euros

As obras de renovación da praza do Concello de Zas e da súa contorna continúan avanzando a bo ritmo cun investimento total de 685.223,39 euros, financiado conxuntamente polo Concello de Zas e a Xunta de Galicia, que achegan o 50 % cada un.

A actuación abrangue a propia praza, unha das rúas laterais e a zona situada fronte ao Centro de Saúde, cunha intervención integral que busca modernizar estes espazos e mellorar a súa funcionalidade.

Entre os traballos previstos destaca a renovación das redes soterradas de abastecemento e saneamento, co obxectivo de solucionar os problemas existentes nas infraestruturas. Tamén se están substituíndo os pavimentos, que acumulaban máis de 40 anos de antigüidade, e eliminando barreiras arquitectónicas para garantir unha maior accesibilidade.

O proxecto inclúe ademais unha reorganización dos espazos peonís e do tráfico rodado, a renovación da sinalización e a incorporación de novo mobiliario urbano.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou a importancia desta intervención, subliñando que se trata dunha obra necesaria que vai máis alá dunha simple renovación estética, xa que permite actuar sobre as infraestruturas básicas e resolver problemas que se viñan arrastrando desde hai anos.

O rexedor visitou os traballos acompañado polo tenente de alcalde, José Brenlla, para comprobar sobre o terreo a evolución dunha actuación que pretende transformar e modernizar un dos espazos centrais da vida municipal.