O PP da Laracha apoia a moratoria de ata dous anos para novas plantas de biogás en Galicia

A formación destaca que a iniciativa do PPdeG coincide coa posición que vén mantendo o goberno municipal respecto á implantación destas instalacións e ao proxecto previsto en Soandres.**

O Partido Popular da Laracha celebra a iniciativa impulsada polo Partido Popular de Galicia para solicitar á Xunta unha moratoria de ata dous anos na autorización de novas plantas de biogás en Galicia, mentres non exista unha planificación específica que regule a súa implantación no territorio.

Esta proposta vai na liña da posición que o PP da Laracha vén defendendo desde o goberno municipal, cunha postura contraria á instalación da planta de biogás prevista en Soandres e de apoio ás reivindicacións da veciñanza.

Desde a formación local sinalan que seguirán traballando, desde todas as administracións e dentro do ámbito das súas competencias, para defender os intereses da cidadanía, a protección do medio ambiente e a calidade de vida dos veciños e veciñas.

O PP da Laracha considera necesario que a implantación deste tipo de instalacións conte cunha planificación específica e cun marco regulador que permita avaliar adecuadamente a súa localización e o seu impacto sobre o territorio e a poboación.